lunes 26 de marzo de 2007

Respecto para Abegondo e os seus veciños


Os Socialistas de Abegondo apelan a Touriño para que se respecte a vontade da militancia e se respecte a legalidade estatutaria agora conculcada

O Secretario de Organización Local ve demasiadas casualidades na pretensión de cambiar a candidatura a última hora.

Francisco Vales di que Moisés Rey falou dun construtor e de tramas urbanísticas e que lles debe aos veciños de Abegondo unha explicación xa que está a xogar co futuro do municipio.

O actual portavoz dos socialistas no Concello foi desigando candidato á alcaldía para as eleccións de maio e agora a dirección provincial quere botar por terra a decisión da agrupación local

Abegondo, 26 de marzo de 2007.- A Agrupación do PSdeG- PSOE de Abegondo, a través do seu Secretario de Organización, Francisco Vales Angelone, pide amparo ao secretario xeral do Partido en Galicia, Emilio Pérez Touriño, ante a vulneración dos seus dereitos como militantes socialistas. Segundo Francisco Vales, a situación de tensión política que está a crear a intromisión do secretario provincial do partido, Moisés Rey, no traballo e nas decisións dos socialistas de Abegondo.

Así, o secretario xeral local exixe do máximo órgano de dirección do PSdeG-PSOE en Galicia que dea os pasos necesarios para recuperar a legalidade estatutaria vulnerada polas decisións e actitudes de Moisés Rey respecto dos seus compañeiros socialistas de Abegondo. Para a Agrupación Socialista de Abegondo é inaudito que dentro dun partido de tradición democrática unha soa persoa, Moisés Rey, poida antepoñer os seus intereses e o seu criterio aos militantes concelleiros que levan anos traballando para acadar a alcaldía de Abegondo.

Para os socialistas de Abegondo, que agora se queira impoñer unha lista electoral e mais un candidato á alcaldía contrario ao elixido polas bases é un acto de traición que non pode ter cabida dentro dun partido que respecta as persoas, que se somete á lei e que respecta a palabra dada. Vales recorda que a Agrupación Comarcal do PSdeG- PSOE aprobou en decembro a candidatura de Ramón Barros á alcaldía de Abegondo. No acto estivo presente o responsable comarcal do Partido e deputado provincial delegado de facenda, Antonio Lagares, que avalou coa súa presenza a elección democrática feita pola militancia socialista de Abegondo.

En todo caso, Francisco Vales remítese ás declaracións públicas de Moisés Rey, nas que este recoñece as reunións que mantivo no despacho dun avogado da Coruña cun construtor na que se lle apuntou a necesidade de promover unha candidatura máis axeitada a unha posible nova situación política. Para o secretario xeral dos socialistas de Abegondo son moitas as casualidades que se están dando no municipio cando xa se fala de construtores, tramas urbanísticas e tamén é moita casualidade que no Partido Popular de Abegondo xa se teña dado o mesmo caso coa imposición dun candidato desde a dirección rexional dese partido.

Situacións anómalas

A todo este cúmulo de situacións, cando menos anómalas, Vales engade que non é nada novo que cada vez que o PSOE ten posibilidades reais de mellorar os resultados electorais no municipio unha man negra mova os fíos por detrás e ás agachadas para trucar as expectativas da militancia socialista en Abegondo. En definitiva, demasiadas casualidades xuntas para que só se trate dunha casualidade, apuntou Vales, que engadiu que a estas alturas todos os veciños de Abegondo teñen claro que o seu futuro político se está cocendo fóra do municipio e de costas a todos eles.

O secretario de Organización dos socialistas de Abegondo, quere subliñar que eles son socialistas por convicción e por un forte compromiso ideolóxico e un apego moi estreito cos seus veciños, pero que se agora a dirección do partido en Galicia prefire mirar para outro lado e non poñer freo a uns intereses pouco claros, a agrupación socialista de Abegondo desmárcase claramente desa renuncia á defensa da xustiza, a igualdade e o progreso que sempre defendeu o socialismo.

É neste sentido, polo que os socialistas de Abegondo apelan ao máximo responsable do partido en Galicia, Emilio Peréz Touriño, para que coa súa autoridade e o seu compromiso coa liberdade, a democracia, a busca da xustiza e a igualdade faga o imposible para que se respecte a elección democrática e avalada legalmente polos estatutos da vontade dos socialistas de Abegondo. Vales ten a esperanza que Emilio Pérez Touriño colla o timón da situación xa que están seguros da súa rectitude e respecto polas decisión das bases.

Un respecto pola decisión das bases que ata o de agora non demostrou Moisés Rey que non tivo a decencia política de dirixirse aos seus compañeiros de Abegondo para informalos sobre o seu futuro político. Para Vales, o secretario provincial veu a desestabilizar o partido nun momento en que o PSdG-PSOE ten posibilidades reais de chegar a formar goberno, el saberá por que actúa desa maneira. Vales remata pedindo unha aclaración da dirección provincial do partido non só aos concelleiros e militancia senón que tamén a todos os veciños de Abegondo xa que son os seus intereses e o seu futuro inmediato o que se esta a por en xogo dun xeito totalmente irresponsable.